A memoria, filla bastarda da verdade, rara vez me visita cando a clarividencia se apodera de min. Aparece como un rastro, como algo que permanece cando o tempo xa pasou. É caprichosa: garda o que quere, esquece o que debería lembrar. Estes poemas nacen dese territorio incerto. Non queren reconstruír nada. Son fragmentos. Instantes suspendidos. Porque a memoria, no fondo, é iso: non lume… senón cinza que aínda conserva calor.
«CANDO CHOVE POR DENTRO»
LEVO MOITAS NOITES…
Levo moitas noites buscando uns beizos que me queimen antes do bico. Levo moitas noites vivindo nun corazón que só me xera sufrimento. Levo moitas noites sen recoñecer uns ollos, unhas mans. Levo moitas noites esperando.
DIAPASÓN
Carezo de diapasón. Nunca souben o valor dunha boa afinación. Pero sigo buscándoa, porque sei que sen ela non podo ser quen quero ser. Ás veces confundo ruído con rumbo, e silencio con paz. Vou ás apalpadas, tentando recoñecer a nota exacta que me devolva a min mesmo. Quizais vivir sexa isto: desafinar ata aprender a escoitarse.
BERRO DE NOITE
Berro na noite para que me escoites ti. Berro cando o silencio pesa máis ca os mobles. Berro para non apagar o que sinto. Non é reproche. É necesidade. É o amor tentando non morrer en silencio.
AQUEL SUOR
Aínda habita en min. Aquel hotel. Aquel día tórrido dun Madrid oitenteiro con ínfulas de europeo apesarado. Puxen os meus beizos nunha gota de suor que percorría a túa pel. E ti apartácheste. —Es repugnante— sentenciaches. E eu quedei suspendido naquela cama, gardando para sempre o sabor daquela despedida.